Friday 01 de November de 2024

O Concello abre unha nova convocatoria das residencias literarias ‘Latitude 43’ e ‘Cidade da Coruña’


O programa “Residencia Cidade da Coruña” está dirixido a autores e autoras con nacionalidade Española residentes fóra de Galicia e “Latitude 43” para escritores e escritoras de carácter mundial

Ofértase unha bolsa en cada programa con cobertura de traslado, manutención e aloxamento para a persoa beneficiaria durante a estadía

O Concello da Coruña abre unha nova convocatoria dos programas “Residencia Cidade da Coruña” e “Residencia Latitude 43” para estadías literarias na cidade. Os programas enmárcanse no obxectivo do Goberno de Inés Rey de reforzar a aposta polo tecido cultural, promocionando a creación literaria na Coruña.

O Concello oferta, en cada un dos programas, unha dotación que cobre o traslado, manutención e aloxamento para a persoa beneficiaria da estadía durante un mes. Ademais, a escritora ou escritor que obteña a residencia dun mes na Coruña terá acceso de balde a museos, galerías, bibliotecas, concertos, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos culturais, co obxectivo de que dispoña de todas os estímulos posibles para avanzar no seu proxecto. Ambas estadías están organizadas en colaboración coa Residencia Literaria 1863, un apartamento do século XIX sito en pleno casco histórico e completamente renovado a fin de procurar a maior concentración e inspiración nunha contorna de excelencia.

No caso do programa “Latitude 43”, ofértase unha estadía en residencia para autoras e autores de calquera xénero literario, procedencia e idiomas do mundo durante o mes de maio, na Residencia Literaria 1863 da Coruña. Poderá concorrer a ela, de xeito individual, calquera escritora ou escritor maior de dezaoito anos con, como mínimo, dous libros publicados, en todo tipo de xéneros literarios, para calquera idioma do mundo.

En canto ao programa “Residencia Cidade da Coruña”, ofértase unha estadía para autores ou autoras maiores de dezaoito anos que residan en calquera punto do territorio español agás Galicia, e que posúa como mínimo unha obra publicada. A estadía realizarase durante o mes de xuño.

En convocatorias anteriores, as estadías foron realizadas por narradoras como a madrileña Mercedes Cebrián ou poetas como a arxentino-bielorrusa Natalia Litvinova. Tamén ensaístas coma a mexicana Laura Sofía Rivero e a vasca Naiara Puertas, seleccionadas no pasado 2023 para desenvolver o seu proxecto na cidade.

O prazo de inscrición, aberto ata o vindeiro día 21 de marzo

As persoas interesadas en optar a algún dos dous programas de estadía literaria poderán realizar a inscrición remitindo a documentación solicitada, nas bases anexas, ao enderezo de correo electrónico 1863coruna@gmail.com, antes das 22.00 horas do vindeiro día 21 de marzo.